Usted está en: Libros / A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia

Descargas de muestra:
A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia
Emilio Grandío Seoane
-
Edición en papel Formato: 17 x 24
Páginas: 288
Peso: 0.56 Kg
ISBN: 978-84-95364-96-8
Año: 2011
30,00€
O réxime democrático xurdido tras as eleccións do 12 de abril de 1931 sigue sendo un mundo alleo, misterioso e hermético. A Segunda República é unha grande descoñecida para a inmensa maioría da sociedade galega. Neste traballo preténdese un primeiro achegamento ao significado daquel réxime dende a análise histórica actual, a partir de investigacións concretas sobre temáticas que foron e seguen sendo obxecto de controversia no ámbito historiográfico da Segunda República. Aspectos cruciais na interpretación daqueles anos entre 1931 e 1936 foron a proclamación do réxime, o sistema de partidos, o poder local, as eleccións, as relacións da República coa Igrexa, os feitos revolucionarios de outubro de 1934 ou os meses de goberno da Frente Popular.
A novas realidades do presente, xurden novos temas que non foran actualizados a finais dos setenta e principios dos oitenta do século xx. Os avances historiográficos dos últimos anos precisan ser explicados. A obra ten a intención de divulgar o coñecemento sobre eses cinco anos que cambiaron o rumbo do século xx galego.
Emilio Grandío Seoane (1967, A Coruña), profesor titular do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela. Membro de varios proxectos de investigación referidos ó estudo das elites políticas financiados polo Ministerio de Ciencia y Tecnología e pola Xunta de Galicia, está especializado no estudo da Segunda República e o primeiro franquismo en Galicia. É autor de numerosos artigos e varios libros sobre esta temática: Los orígenes de la derecha gallega. La ceda en Galicia (1931-1936) (1998); Caciquismo e eleccións na Galiza da II República (1999); Años de guerra. A Coruña, 1936-1939 (2000); Vixiancia e investigación na Galicia da guerra civil. O Informe Brandariz (A Coruña, 1937) (2001); Política e provincia. A Deputación da Coruña na II República (2004); República e republicanos en Galicia (ed., 2006); Casares Quiroga. Discursos parlamentarios (1931-1936) (ed., 2006); Anos de odio. Golpe, guerra civil e represión na provincia da Coruña (1936-1939) (ed., 2007).
Foi director dun estudo sobre os efectos da represión nos anos da guerra civil na provincia da Coruña, remate final dun convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago (2004-2006) e do proxecto de investigación sobre Violencia política na provincia da Coruña, 1931-1936, en convenio asinado entre a usc e a Deputación da Coruña (2006-2008), traballo en fase de publicación. Na actualidade é coordinador do proxecto de investigación interuniversitario da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia Nomes e voces sobre a represión franquista en Galicia.